Hoxe en día as cousas cambiaron. Pasamos do papel pasivo a un papel totalmente activo na forma na que nos comunicamos e recibimos a información. Pasamos de ser oíntes a ser usuarios.
Pero isto non foi da noite para a mañá. Incluso nos primeiros anos de existencia da web, o usuario non deixaba de ser un suxeito relativamente pasivo. Podía elixir que era o que quería ver, que información lle interesaba e cal non era do seu agrado. Podía intervir sobre o que estaba recibindo, pero non podía intervir sobre o que recibían os demais. Hai ben pouco tempo publicar algo na internet esixía amplos coñecementos técnicos, ademais dos recursos precisos (económicos) para ter a túa páxina web, co teu dominio. Había que saber. Saber o que era un dominio, un servizo de hosting, saber html ou css... Isto é o que se deu en chamar web 1.0.
Agora mesmo, a segunda xeración da web xa está aquí. Esa xeración soñada, na que todos podamos ser tratados por igual. Esa xeración que permita interactuar de maneira real co resto do mundo. Estamos no momento da web 2.0.Pero que é realmente a web 2.0? Empezamos a estar xa un pouco abrumados de oír tantas veces esta palabra sen saber exactamente o que é, que o asimilamos como se tratase dun novo invento de Google ou Microsoft. Nada máis lonxe. A web 2.0 non é unha tecnoloxía, nin unha páxina, nin un novo sistema; tampouco é nada que realmente antes non se puidese facer.
Na web 2.0 estamos a falar dunha actitude, un estilo de comunicación, unha filosofía,... Ata hai ben pouco a web e a sociedade camiñaban de forma paralela, pero en mundos separados. Coa web 2.0 a sociedade está na web e a web é a propia sociedade. Esa sociedade que tanto nos gusta chamar Sociedade do coñecemento.
A web 2.0 é a intervención de todos nós sobre o que os demais queren ver. Agunhas tecnoloxías axudaron a que isto fose posible, sobre todo ata os niveis que estamos a contemplar hoxe. O blogging ou cadernos de bitácora, as plataformas como YouTube e as tecnoloxías como o RSS ou o Podcasting están a converter a web no lugar onde todos estamos, onde todos contamos por igual e onde todos temos algo que dicir.
¿E que acontecerá mañá? Pois a verdade é que resulta pouco previsible. Pero se hai algo do que estamos seguros é de que isto é só o principio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario